A rede fluvial galega comezou a súa formación hai millóns de anos. Ao longo do tempo, as variacións morfolóxicas e climáticas foron os factores fundamentais que determinaron e determinan os seus cursos. Así a disposición das serras galegas, así como a súa localización xeográfica nunha zona climática de altas precipitacións ao longo do ano, condicionan o tipo e abundancia de ríos que aparecen no país.
É por iso que as masas de aire cargada de auga chocan coas serras, onde as abondosas precipitacións enchoupan os cumios, dando lugar ao nacemento da maioría dos ríos galegos. Logo, os pequenos regatos vanse xuntado pendente abaixo, facendo o seu camiño a través de multitude de direccións, seguindo en xeral vellas fracturas(fallas) de idade tardihercínica ou as fallas causadas pola formacións dos Pirineos máis recentemente. A impermeabilidade da maioría das rochas (granitos, xistos, lousas) evita a infiltración de auga no subsolo, axudando á existencia dunha ampla e densa rede fluvial de pequenos ríos (agás o Miño), que levou a Álvaro Cunqueiro a nomear a Galicia coma “o país dos dez mil ríos”.
A vexetación tamén favorece a permanencia e vida dos cursos de auga mentres que os humanos, coas grandes infraestruturas hidroeléctricas e a contaminación estamos a alterar gravemente o equilibrio destes grandes modeladores do relevo que constitúen un ecosistema importante para manter a biodiversidade vexetal.
Hábitats ríos: Que é? | Descrición | Vexetación | Factores | Formación | Enlaces