FACTORES ABIÓTICOS
Son todas as características físicas ou químicas que afectan aos seres vivos dun ecosistema. Nos ríos os factores abióticos que máis afectan son:
A cuberta vexetal dos árbores fai que as especies que viven neste hábitat estean en permanente sombra, polo que soamente vivirán aquí vexetais que sexan capaces de realizar a fotosíntese nun ambiente de pouca luz, coma os fentos macho e femia, as violas ou moitas herbas.
As características e movemento da auga do río vai condicionar a aparición de vexetais capaces de sobrevivir na columna de auga, ben fixados ao fondo, coma as herbas de prata, adaptadas a vivir a favor da corrente ou ben libres sobre a auga, coma as lentellas de auga,cuxas finas raiciñas están libres baixo a auga e posúen anchas follas que lles permiten vivir flotando.
Por outra banda, as características do bosque de ribeira están condicionadas pola proximidade á canle do río, o que fai que os solos sexan frescos, moi húmidos e moitas veces permanezan enchoupados en inverno, polo que as plantas deben ser especialistas en vivir nestes ambientes. Así o dentabrún aguanta moi ben a humidade, do mesmo xeito que os salgueiros, que chegan a cubrirse coas crecidas, pero que as súas pólas flexibles permítenlles sobrevivir á corrente de auga. Os ameneiros crecen moito, e soamente as súas bases permanecen enchoupadas. Outras plantas coma os salgueiriños ou as mentas crecen soamente cando se retiran as augas, vivindo adaptadas a un ciclo de vida vexetativa curto.
A cantidade de partículas disoltas nas augas dos ríos pode chegar a impedir a fotosíntese da vexetación que vive dentro da auga. En augas moi turbias non hai posibilidade de crecemento, e o río ten menos vida e concentración de osíxeno.
A concentración destes gases favorece a aparición de vida, por unha banda de vexetación que realiza a fotosíntese, e por outra, grazas a vexetación que libera osíxeno aparecen todo tipo de seres vivos, desde os pequenos copépodos ata peixes de distinto tamaño.
FACTORES BIÓTICOS
Os factores bióticos son todas as relacións que se establecen entre os seres vivos dun ecosistema, tanto entre os individuos dunha especie como entre os individuos de diferentes especies. As relacións poden ser positivas, neutras ou negativas para cada un dos organismos que entra na relación. Algunhas das relacións que se establecen nos ríos son:
A competencia das diferentes especies polo espazo vén limitada pola cantidade de auga que existe no solo e a luz que vén do Sol, sendo un factor crucial de selección natural. Así, os grandes dominadores do río son os ameneiros, que grazas as relacións que establecen con bacterias nas súas raíces son capaces de vivir con alta humidade. A máis, pola disposición horizontal das súas follas dan tal sombra nas partes baixas que non permiten o crecemento de moitas especies.
A epibiose é o crecemento dun organismo sobre outro sen prexudicarlle. Esta relación é moi frecuente no bosque de ribeira, onde as lianas gabean polos troncos das árbores para achegarse á luz e poder facer a fotosíntese. Claros exemplos son a hedra, a herba salgueira ou a saltasebes. Tamén moitos fentos e brións viven sobre outras plantas aproveitando a humidade.
É unha relación na que dous individuos diferentes viven xuntos e non poden vivir separados. Todos os liques do bosque son relacións simbióticas entre distintos tipos de fungos e distintos tipos de algas ou cianobacterias. Ademais as raíces de moitas plantas establecen relacións simbióticas con fungos chamadas micorrizas, que lles permiten sobrevivir nestes ambientes enchoupados, coma as micorrizas dos ameneiros.
É unha estratexia de supervivencia de moitas especies; o crecemento de moitos individuos xuntos favorece a permanencia da especie. É frecuente nos buños e gramíneas do nivel herbáceo do bosque.
Hábitats ríos: Que é? | Descrición | Vexetación | Factores | Formación | Enlaces