Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

A auga dos nosos ríos e a cantidade de luz que se achega vai condicionar o tipo de vexetación que asenta nas súas marxes e no seu interior.

Sobre as augas e dentro delas aparecen plantas que teñen estratexias que lles permiten asentar na corrente e  vivir en permanente humidade.

A masa vexetal das ribeira instálase en varias bandas paralelas ao río formando o bosque de ribeira ou galería, de tal xeito que as plantas máis dependentes da auga ou que aguantan máis as inundacións periódicas están máis preto das beiras mentres que as árbores menos esixentes coa auga asentan máis lonxe. Asemade distínguense claramente os tres estratos de vexetación en altura, arbóreo (10 – 20m) , arbustivo (1 – 3 m) e herbáceo (1m), dependentes da luz que atravesa as copas das árbores, do solo fresco  e do ambiente húmido.

Na ribeira do río é onde asentan as comunidades vexetais que acadan maior biodiversidade.

Bosque de galería

Plantas acuáticas

No interior do río atópanse as plantas que viven flotando na corrente e aquelas que aparecen nas augas asolagadas ou flotando pero arraigadas no leito.

  • As plantas máis habituais que vemos a simple vista flotando sobre as augas menos correntes, sen que as raíces penetren no solo son as lentellas de auga ou as tapadeiras.
  • Arraigadas no leito totalmente inundadas pola auga está a alga Chara fragilis e o brión Fontinalis antipyretica.
  • Arraigadas no leito pero coas partes verdes sobre a superficie están as espigas de auga, as herbas de prata e as cercodianas, todas con follas alongadas que se moven a favor da corrente. Tamén os pés de boi teñen unha fase somerxida con follas alongadas durante o inverno.

Bosque de ribeira ou galería

O conxunto da flora das marxes constitúe o bosque de ribeira ou bosque de galería; este último nome débese a que desde antigo, debido á riqueza en nutrientes da chairas de inundación dos ríos, cortáronse as árbores destas veigas para aproveitalas coma campos de cultivo. Aínda así hoxe en día podemos distiguir os restos dos antigos bosques en practicamente todos os ríos galegos, estando especialmente ben conservadas as ribeiras do Louro en Porriño e a desembocadura dos ríos Ulla e Lérez.

Desde a zona máis preto á auga cara o campo de cultivo aparecen as seguintes bandas de árbores:

  • Os salgueiros, que aguantan as crecidas invernais grazas as súas ramas flexibles, que non rachan coa subida do nivel das augas.
  • Os ameneiros, que son as árbores máis altas e numerosas do bosque de galería. As súas follas colócanse case horizontais de tal xeito que case non deixan pasar a luz, polo que crean un ambiente de moitas tebras, que condiciona o desenvolvemento dos outros vexetais.
  • Os abeleiros, freixos e bidueiros son outras árbores que aparecen no bosque que non superan os 15m de altura. Os abeleiros soen acadar porte arbustivo, os freixos son máis frecuentes cara o interior de Galicia e os bidueiros aparecen dispersos, nas zonas máis secas. Tamén é frecuente o pradairo.
  • Os lamigueiros son árbores escasas que so aparecen nos ríos do  norte e sur de Lugo, Courel ou sur de Ourense. Utilízase para replantacións nas rexións máis secas.

O sotobosque está constituído por matos, gabeadoras e rosáceas espiñentas adaptados á vivir nun mundo de pouca luz.

  • Os matos aparecen nos lugares de maior luminosidade, como nos bordes. Os máis frecuentes son o sabugo e o sanguiño.
  • As gabeadoras, que van polos troncos das árbores para buscar a luz, están ben representadas polas hedras, herba salgueira ou uvas de can e tampouco é raro atopar lúpulo.
  • A rosácea espiñenta por excelencia é a silva.

Por último o nivel herbáceo é o que acada maior biodiversidade. En xeral aparecen ciparáceas, gramíneas, fentos e outras plantas vasculares que tamén están nas ribeiras coma:

  • As ciparáceas e gramíneas son as típicas herbas, moi difíciles de distinguir se non están en flor. Tamén as xuncáceas son frecuentes. Os buños, os xuncos e as antelas son abundantes, as dúas últimas sobre todo nas zonas máis enchoupadas.
  • Os fentos e briófitos son habituais, pois son plantas que sobreviven con escasa luz e gran humidade. Non entanto, o fento máis característico de todas as ribeiras é o dentabrún ou fento real.
  • Outras plantas vasculares frecuentes son os pés de boi, espadanas, espadanas amarelas, salgueiriños, as amentas ou os narcisos.



Hábitats ríos: Que é? | Descrición | Vexetación | Factores | Formación | Enlaces


Contacto e créditos