FACTORES ABIÓTICOS
Son todas as características físicas ou químicas que afectan aos seres vivos dun ecosistema. Nas turbeiras os factores abióticos que máis afectan son:
É o principal factor que controla a distribución espacial das plantas nos ambientes húmidos das gándaras, brañas e turbeiras. Por exemplo en zonas permanentemente enchoupadas aparecerán comunidades de espiga de auga, cuxas raíces aguantan a humidade permanente.
En brañas con seca estival as plantas deben ser capaces de adaptarse ás variacións do nivel da capa de auga, como sucede cos nardos.
É un factor limitante para a vexetación das brañas e turbeiras non dependentes da atmosfera. As características do substrato veñen determinadas polo tipo de rocha do terreo e a súa evolución. As rochas acedas habituais en Galicia provocan a impermeabilidade do terreo e solos e augas con poucos nutrientes que dificultan a descomposición da materia orgánica morta.
En lugares onde non hai contacto coa capa freática sobreviven vexetais que teñen a capacidade de “absorber” a auga e os nutrientes que veñen coas néboas e a chuvia, como o brión de turbeira. Grazas a que levan humidade ao solo, outras plantas poden “aproveitala”.
A topografía condiciona a instalación dun tipo específico de vexetación. Por exemplo, en zonas de ladeiras onde se acumulan bloques soltos soamente asentarán pequenas comunidades dependentes da humidade atmosférica ou comunidades de vexetación pioneira independente das turbeiras, en depresións xeradas pola alteración e transporte de sedimentos de granito aparecerán turbeiras baixas dependentes do nivel freático e nos cumes aplanados con precipitacións habituais asentarán turbeiras dependentes da auga atmosférica.
FACTORES BIÓTICOS
Os factores bióticos son todas as relacións que se establecen entre os seres vivos dun ecosistema, tanto entre os individuos dunha especie como entre os individuos de diferentes especies. As relacións poden ser positivas, neutras ou negativas para cada un dos organismos que entra na relación. Algunhas das relacións que se establecen nas turbeiras son:
As características morfolóxicas, sobre todo do sistema radicular, favorece o asentamento das plantas que aguanten mellor a escaseza de osíxeno e o enchoupamento do solo. Asemade, as plantas que sexan máis eficaces en captar a humidade atmosférica desenvolveranse mellor nestes lugares. Estas condicións as cumpre estupendamente o brión das turbeiras, que convértese así no auténtico rei das turbeiras.
Hábitats turbeiras: Que é? | Tipos | Vexetación | Factores | Formación | Enlaces