En Galicia, segundo de onde proveñan os nutrientes que manteñen o ecosistema falamos de:
Turbeiras baixas (brañas, chao, chan, charca, poza, veiga, tremedal): os nutrientes proveñen do solo.
Turbeiras elevadas: os nutrientes proveñen da atmosfera, aínda que inicialmente había unha conexión co solo. Non seguen o contorno do substrato.
Turbeiras de cobertor (tremedal, barreira, lagoa): os nutrientes proveñen exclusivamente da atmosfera. A turbeira segue o contorno do substrato.
Son as turbeiras máis frecuentes. Teñen pequeno tamaño e son características de zonas aplanadas do terreo, enchoupadas todo o ano, que soen aparecer integradas dentro de complexos húmidos máis amplos, coma as chairas de inundación de ríos do Complexo Parga-Ladra-Támoga. A turba, lixeiramente ácida (pH 6 – 6,5) fórmase baixo a vexetación.
A vexetación que se desenvolve é dependente da auga e nutrientes do solo. Como en Galicia a maioría das rochas son acedas, os nutrientes nestas zonas son escasos e baixo estas condicións soamente crecerán brións e algún tipo de herba. Nas zonas con maior riqueza de nutrientes, a biodiversidade será maior, coma nas chairas do interior de Lugo e Ourense.
Son turbeiras derivadas de turbeiras baixas, nas que se segue a producir turba nas zonas inferiores. Son características das zonas deprimidas onde o crecemento da vexetación sobre o terreo fixo que se independizase da auga subterránea, polo que na actualidade deben conseguir todos os nutrientes da auga atmosférica (chuvia, orballo, néboa). Por iso non son moi frecuentes, cando aparecen forman estruturas variadas, con elevacións de centímetros sobre o terreo ou grandes abombamentos denominados inllóns.
Estas turbeiras atópanse sobre todo nas montañas galegas que teñen abundantes precipitacións todo o ano, como as serras setentrionais (Xistral), as serras surorientais (Pena Trevinca, Manzaneda), as serras centrais ou certos lugares das serras litorais atlánticas (Barbanza). As turbeiras elevadas máis coñecidas son as dos Montes de Buio, no norte de Lugo, das que se extrae turba para facer substrato mineral para xardinería ou as brañas de Xestoso, hoxe en día moi degradadas.
Son turbeiras exclusivas dos cumios da serras setentrionais (Xistral e Cadramón) que cobren coma unha manta os granitos e cuarcitas acedos do terreo, polo que a vexetación que crece aí depende exclusivamente dos nutrientes que veñen das precipitacións atmosféricas (chuvia, orballo, néboa), moi frecuentes todo o ano nas montañas do norte de Lugo coma consecuencia do efecto barreira destas montañas fronte ás masas húmidas procedentes do mar.
Estas turbeiras son hábitats de especial protección, xa que son representacións relictas de ecosistemas que no pasado tiveron unha representación máis ampla na rexión; porén, a instalación de parques eólicos está a degradar seriamente estas emblemáticas zonas.
Hábitats turbeiras: Que é? | Tipos | Vexetación | Factores | Formación | Enlaces