A vexetación das turbeiras está constituída basicamente por prados húmidos de buños e gramíneas nos que asoman distintos brións, sobre todo brión de turbeiras e nas partes máis secas aparecen carrouchas e queirugas. Nas zonas máis enchoupadas aparecen plantas higrófilas coma as plantas carnívoras rabelas e pinguículas. Tamén aparecen xuncos dispersos. Nas turbeiras baixas a vexetación sempre é dependente da auga e nutrientes do solo, estando mellor desenvolvidas nas zonas de terreos menos acedos de Lugo e Ourense. Nas turbeiras elevadas as elevacións centimétricas soen estar compostas por unha mestura de brións de turbeira, rabelas e gramíneas; os seus prados, do mesmo xeito que os das turbeiras de cobertor, presentan xuncas de algodón, que é a planta predominante.
Os brións posúen unhas estruturas especiais parecidas ás raíces, talo e follas da maioría dos vexetais; son os rizoides, que agarran á planta ao solo, os caulidios, que elevan á planta do solo e os filidios, que actúan coma pequenas “folliñas”. Os brións de turbeira non posúen rizoides pero si as outras estruturas. Por outra banda os cauloide e os filoides posúen unha célula de grosor, fundamental para manter a humidade na turbeira, pois a metade das células que ten o esfagno están mortas e perforadas, o que lles permite absorber auga ata 20 veces o seu peso. Esta capacidade de reter auga permite o desenvolvemento doutros vexetais nos tremoais. Ademais o esfagno libera substancias que paralizan o crecemento dos microorganismos descompoñedores e como crece constantemente, as súas partes vellas quedan abaixo descompoñéndose moi lentamente, colaborando na formación da turba.
En Galicia hai máis de 10 especies de brión de turbeira, entre eles o endemismo galego S. pylaesii.
As queirugas son matos frecuentes no monte baixo galego pero tamén aparece menos desenvolvida nas turbeiras, do mesmo xeito ca carroucha de turbeiras. Ambas plantas son capaces de sobrevivir porque teñen enormemente desenvolvido un fungo que vive en simbiose con elas nas raíces, de tal xeito que máis do 80% das raíces o constitúe este fungo. O conxunto da raíz–fungo é o que chamamos micorrizas. A asociación aumenta o subministro de nitróxeno para a queiruga e protéxea contra microorganismos daniños.
As rabelas son pequenas plantas carnívoras que aparecen nas zonas húmidas galegas. Precisamente a capacidade para dixerir insectos é o que fai a rabela sobrevivir nestes zonas de escasos nutrientes. As súas follas redondeadas e de cor verde–vermella crecen en estrela arredor dun eixo. Na súa cara superior, seguindo o contorno do limbo e no propio limbo uns tentáculos que segregan un moco pegañento e transparente que atrae aos insectos. Cando entra un insecto en contacto cos tentáculos, a folla cúrvase quimiotrópicamente, as presas quedan pegadas e son dixeridas para que os nutrientes sexan incorporados á planta polas glándulas dos tentáculos. Outras plantas carnívoras son as pinguículas.
Hábitats turbeiras: Que é? | Tipos | Vexetación | Factores | Formación | Enlaces